Discurso Día do Libro
O VII CONDE DE LEMOS, CERVANTES E OUTROS LITERATOS
Cervantes, 23 de Abril de 2009 (Día do Libro)
Manuela Sáez González
É para min un pracer estar hoxe aquí, na localidade de Cervantes, celebrando o día do noso inmortal escritor. Non vou falar de se este marabilloso pobo das montañas lucenses é ou non o berce dos nosos devanceiros do autor de El Quijote porque xa María Xesús Nogueira o comentou o ano pasado; aínda que si fago fincapé nos moitos datos que así o fan supoñer, a súa proximidade coas montañas leonesas, de onde el dixera que proviña a súa ascendencia, así como o apelido Saavedra, común en Galicia.
Nesta conmemoración do "Día do Libro", falarei dun nobre que foi mecenas do noso literato e doutros escritores da época, o VII conde de Lemos, don Pedro Fernández de Castro, nacido, probablemente, en Monforte de Lemos (non se sabe con certeza se nesta localidade ou en Madrid), en 1576. Foi o conde un personaxe moi vinculado ás letras e, moi en particular, a Miguel de Cervantes, que lle dedicou boa parte das súas obras, entre elas o segundo tomo de El Quijote, e mostrou o seu agradecemento ó señor que lle axudou nas súas penurias e nunca o desamparou. Nas moitas dedicatorias dos seus traballos ó noso prócer, dá mostras do cariño e agradecemento que lle tiña, a pesar de non poder acompañalo a Nápoles, cando foi exercer o cargo de vicerrei, pola exclusión que del fixo Lupercio Argensola, secretario do conde, encargado de facer a selección das persoas que o acompañarían; o motivo puido ser a avanzada idade do escritor. Cervantes recordou sempre con cariño ó seu benfeitor, incluso no limiar da morte se acorda del, nun momento no que como di Menéndez Pidal "ya era inútil la lisonja". Recordemos os versos:
"Puesto ya el pie en el estribo,
con las ansias de la muerte,
gran Señor, esta te escribo..."
Don Pedro sentiu desde a súa xuventude unha gran paixón pola literatura. Cursou estudos na universidade de Salamanca e destacou polo seu enxeño. Pita Andrade recolle en "Nuevos datos sobre el VII conde de Lemos y noticia sobre la compra de una biblioteca en Monterrey para Monforte", Cuadernos de estudios gallegos, (1963), tomo LV, unhas palabras que Diego García escribiu ó VI conde de Lemos sobre o seu talento literario: "tiene su señoría ingenio muy agudo, un juicio muy asentado, una aplicación a las letras tan sin ofensa del oficio de caballero, que se sirve de ellas y nos las sirve, pues sabe dar a cada cosa su tiempo, sin que ni en lo uno haya sobra, ni en lo otro falta".
O VII conde de Lemos rodeouse dos homes de letras máis recoñecidos da época, tivo por secretarios a escritores de renome. Lope de Vega foi o primeiro que desempeñou este cargo, cando don Pedro aínda non era conde e ostentaba o título de marqués de Sarria, que lle cedera o seu pai por ser fillo primoxénito. Este escritor dicíase "criado de vuestra excelencia...", aínda que a palabra "criado" non ten o significado literal que hoxe se lle dá. O último que ocupou este cargo foi Juan Valero Díaz que, de volta a Madrid, despois da morte do conde, seguiu mantendo boa relación coa condesa viúva. Na biblioteca do convento das Madres Clarisas de Monforte de Lemos, que estamos catalogando, atopamos o libro, "Las Obras de la S. Madre Teresa de Jesús", impreso en Amberes en 1630, na imprenta plantiniana de Baltasar Moreto, neto do fundador da imprenta, Cristóbal Plantino. Este libro, ademais da súa beleza, ten a particularidade de que nel aparece unha nota impresa, na primeira páxina, que di é unha doazón ás Descalzas de Monforte, de Juan Valero que fora secretario dos fundadores do convento e que naquel tempo era secretario do Rei.
Góngora tamén foi outro dos escritores a quen don Pedro dispensou o seu aprecio. Pasou algún tempo en Monforte, invitado polo conde e alí escribiu algún dos seus versos que fan referencia a esta cidade.
"Llegué a este Monte-fuerte, coronado,
de torres convecinas a los cielos,
cuna siempre real de tus abuelos,
del reino escudo y silla de tu estado.
......".
Outro literato destacado a que o conde distinguiu coa súa amizade foi Francisco de Quevedo que lle dedicou "El sueño de las calaveras" e "El alguacil alguacilado".
Cando o conde partiu para a cidade partenopea, acompañárono destacados eruditos, os irmáns Argensola, Lupercio e Bartolomé, o primeiro foi nomeado o seu secretario e, á súa morte, en 1613, ocupou o cargo o seu fillo, Gabriel Leonardo de Albión. Igualmente, formou parte do seu séquito o pai Diego de Arce, o seu confesor e gran bibliófilo; Mira de Amescua; Jerónimo Barrionuevo, irmán de García Barrionuevo que escribiu o Panexírico dedicado ó conde en 1616. Cremos que a escritora María de Zayas acompañou ó seu pai, pois nunha das súas novelas, "La fuerza del amor", fai alusión ós costumes napolitanos e describe algúns lugares da cidade, e se temos e conta que o seu proxenitor desempeñou importantes cargos ó servizo do conde, tanto en Nápoles como en España, esta hipótese é moi factible. Desta escritora atopamos correspondencia cos testamentarios da VII condesa despois da morte de dona Catalina. Tamén, don Juan de Tassis y Peralta, conde de Villamediana, aínda que non o acompañou na viaxe. En 1612 atopábase en Nápoles preparando os festexos da celebración do matrimonio do príncipe Felipe e, segundo documentación que atopamos, podémolo situar nesta cidade en maio de 1613.
Escudos dos VII condes de Lemos na fachada do Palacio Real de Nápoles
O amor de don Pedro pola literatura e polos libros levárono a impulsar as conversas literarias que iniciara o cardeal Brancaccio, dando un novo espírito á "Academia de los ociosos", presidida por Juan Bautista Manso, e contando co duque de Estrada como cronista desta academia. As sesións celébranse no claustro de Santa María da Gracia e a elas concorrían os máis destacados literatos españois e italianos que se atopaban en Nápoles, ademais de importantes nobres. A primeira sesión tivo lugar o 3 de maio de 1611; en 1615 foi trasladada ó claustro de Santo Domingo Mayor, onde, anteriormente, fora sede da Universidade. O conde acudía con frecuencia ás reunións, intentando dar un gran impulso coa súa presenza e participando activamente nelas. Na Academia tratábanse temas de literatura, matemáticas e filosofía. Cando non se discutía sobre estes temas, os académicos dedicábanse a amenizar as veladas improvisando comedias recitadas en verso.
A Academia sufragábase con fondos aportados polo conde. Ó seu regreso a España comezou, segundo Coniglio, I Vicerè Spagnoli di Napoli, (Nápoles, 1967), p. 177, a súa decadencia e en 1645, coa morte de Manso, o seu declive foi imparable, aínda que subsistiu case un século.
Outro dos grandes logros do conde foi dar un digno emprazamento á Universidade. Para logralo encargou o proxecto ó seu amigo o arquitecto Giulio Cesare Fontana, que se atopaba ocupado na construción do pazo real que comezara Domenico Fontana baixo os auspicios do VI conde de Lemos durante o seu vicerreinado. A que había atopábase emprazada no pórtico da igrexa de Santo Domingo, como xa mencionamos. O lugar elixido foi o destinado polo duque de Osuna para as cortes dos cabalos reais. Non viu o conde rematada esta empresa, antes da súa partida para España, pero si se puido realizar o traslado, ocupando algunhas salas provisionalmente, o 14 de xuño de 1615.
Placa conmemorativa no Museo Arqueolóxico de Nápoles
Este traslado realizouse con gran solemnidade. Segundo Guido D´Agostino, en Re, Vicerè, Rivolte. Profile e vicende di storia napoletana, (Nápoles, 1993), faise unha suntuosa cabalgata procesional coa intervención dos doutores e comisarios, ademais do corpo docente, dividido por sectores científicos e disciplinarios, que se distinguían polas cores da súa indumentaria. Os médicos con capa azul e amarela; os teólogos con librea branca e negra; os xuristas en verde e vermello; os filósofos e os demais con diversos traxes, e cada un co barrete da cor correspondente. Seguían unha orde: doutores, médicos e teólogos.
O magnífico edificio da Universidade ocúpao actualmente o Museo Arqueolóxico de Nápoles. Don Pedro encargou a constitución duns estatutos coas normas que debían rexela, tanto no que respecta ó profesorado (as cátedras daríanse por oposición), como no referente ó alumnado (esixíase ós escolares matricularse e realizar un exame de gramática antes de pasar ás outras ciencias).
O vicerrei tamén se propuxo dotar á cidade dunha gran biblioteca. Este proxecto encargoullo ó bibliófilo Diego de Arce, non escatimando diñeiro para iso. Atopamos documentación que fai referencia á compra de exemplares ós libreiros da cidade, pagados con diñeiro privado do conde. Tanto este como o seu confesor eran moi amantes dos libros. Da importancia desta empresa dá conta Esteban Manuel de Villegas:
"Que quien tu curiosa librería
pretende ponderar, no es menos loco
que el que cuenta los átomos del día."
Don Diego de Arce foi elixido bispo de Casano en 1613. Á súa morte, en 1617, deixa a súa biblioteca particular ó conde, segundo se desprende do testamento deste, que entre as súa últimas vontades manda se funde unha capelanía no convento das Franciscas Descalzas, e a el se trasladen os restos do bispo, sempre que os gastos non pasen do importe da venda dos libros. Debía ser unha biblioteca importante, pois a condesa descúlpase no seu testamento por non ter cumprido esta disposición do seu marido e manda se funde unha memoria polo padre Diego de Arce e se gasten dous mil ducados en misas que se dirían todas as semanas pola alma do bispo de Casano.
Descoñecemos os libros que formaban parte da biblioteca particular do conde, non atopamos ningunha relación ó respecto. Sen embargo, temos noticias da que pertencera á súa nai, a VI condesa. Dona Catalina de la Cerda, VII condesa de Lemos, mandou retirar da almoeda da súa tía e sogra para levar ó convento das Descalzas Franciscanas de Monforte os exemplares que formaban parte desta biblioteca. Entre os libros atópanse exemplares tan importantes como a Biblia Saca de Plantino, editada en 1583, e tres tomos do libro de Oficios de la Virgen, da mesma imprenta, de 1573. Ambos con magníficos gravados dos mellores debuxantes e gravadores flamencos daquela época, Martin de Vos, Abraham de Bruyn, Peeter van der Borcht, os irmáns Wierix e outros. Estes exemplares consérvanse no convento das Madres Clarisas de Monforte. Na relación figuran, ademais dos relixiosos, libros de historia e de arquitectura, como o tratado de Sebastián Serlio.
O vicerrei Lemos era moi afeccionado ó teatro. No palacio representábanse comedias, entremeses, etc, interpretadas por unha compañía de actores napolitanos moi coñecidos composta por Bartolomé Zito, chamado Graciano, e Ambrosio Buonomo que facía de Covielo. Estas actuacións non só se realizaban en Nápoles, senón que os actores acudían ós lugares de recreo dos condes: Caserta, Puzzoli, Posillipo, etc. Desta compañía tamén formaba parte, segundo Prota-Giurleo, en I Teatri di Napoli nel ´600, (Nápoles, 1962), un español, Agustín, o Agustinillo, Velázquez, chamado o Pícaro, comediante ou vello soldado. Este personaxe aparece nomeado, en moitas ocasións, na documentación que atopamos no arquivo do convento das Madres Clarisas, entre os atados dos condes de Lemos, que o tiñan en gran estima. Estivo ó seu servizo, tanto en Nápoles como ó seu regreso en España. Continuou coa súa afección teatral, pois nunha carta do contador Lope de Ulloa y Rivadeneyra que escribe, desde Monforte ó conde, que á sazón se atopaba en Paradela, o 2 de setembro de 1621, dille, entre outros asuntos: "El sagaz Agustinillo haze cada noche el papel de San Jorge porque se pone corazas, un casco, rodela y estoque largo sin camisa, y desta manera baja en anocheciendo al arrabal con tres amigos que le acompañan a lo largo, y sin embargo es tan cauto y animoso que siempre lleva el ojo atrás".
Ademais das compañías napolitanas, tamén acudían ó palacio representantes españois, aínda que en menos ocasións. Pedro Pérez, autor de comedias españolas, fixo algunha actuación en novembro de 1611. Nun apunte dos gastos particulares da casa, atopamos un pago que fixeron en decembro de 1612 a uns farsantes españois por unhas comedias que representaron para os condes.
Gustáballe a don Pedro o aparato escenográfico e empregábao, en tantas ocasións como tiña oportunidade: festas, xogos, agasallos a destacados visitantes (Xeneral do Mar, Príncipe Filiberto de Saboya, sobriño de Felipe III; cardeal Aldobrandini; duque de Osuna, vicerrei de Sicilia; príncipe de Francia, etc.), acontecementos cortesáns e celebracións públicas. Aproveita esta propaganda para o seu beneficio persoal e político e xoga coas sensacións do espectador. Coñécense varios acontecementos que tiveron lugar en Nápoles. Citamos, entre outros, a súa entrada nesta cidade e a toma de posesión do seu cargo de vicerrei. Nunha carta que escribe á súa nai fai o relato de tales feitos: "... Con bravo lucimiento y ostentación emos entrado en Nápoles. La carroça de Miguelillo es famosa machina, prometo a vuestra excelencia que es linda y rica. La guarda está bestida a las mil maravillas, yo entré en el alaçanejo, y el día del juramento me puse en él. Tiene muertos de amores a los napolitanos, y con razón, porque es linda bestia. El día de la entrada nos pusimos la Condesa y yo sendos bestidos de camino que se hizieron aquí ligeros y galanes, y ansí metí los pajes de camino. El día siguiente me puse el bestido bordado del bautismo del Príncipe y saqué vna tropa de pajes con la librea parda en cuerpo, y al lado derecho, porque el síndico yba a la mano yzquierda. Y creame vuestra excelencia que me salió el diablo de la invención luzida y fanfarronamente. O Señora quien tuviera a vuestra excelencia en vna ventanica acechando todas estas fanfurrias....".
Outro acontecemento destacado foi a celebración dos esponsais matrimoniais do príncipe Felipe (Felipe IV) coa infanta Isabel de Francia, que o conde de Lemos mandou realizar. Esta celebración tivo lugar en Nápoles o 13 de maio de 1612, patrocinada polo conde de Villamediana, coa participación do enxeñeiro Giulio Cesare Fontana, que deseñou o aparato arquitectónico teatral emprazado ante o palacio real. Este fastoso festexo deuno a coñecer Juan de Oquina na "Relación de fiestas que el Excmo. Señor conde de Lemos...." e Cervantes, tomando esta relación do festexo, reflícteo no seu "Viaje al Parnaso". Este modelo foi emulado para realizar posteriores eventos no vicerreinado e incluso na corte española.
A arquitectura e a ornamentación efémeras servían de base para o "teatro" da vida e da morte. A ambas se lles daba o mesmo tratamento. Eran un foco de atracción e admiración popular. Casamentos, bautizos e funerais eran aproveitados co mesmo interese para crear efectos ilusorios e manter o interese no público. Os preparativos dos funerais tiñan que realizarse con gran rapidez, a diferenza dos casamentos ou bautizos cuxas celebracións se coñecían con anterioridade.
Nos funerais utilizábanse materiais baratos: lenzos, cartóns, latas, etc., que se pintaban e douraban, dándolle unha aparencia nobre. Resaltamos o traslado das madres Clarisas de Monforte ó convento novo, a gran procesión que se levou a cabo cos féretros dos corpos da familia Lemos e as funcións relixiosas que se celebraron na igrexa.
Outro acontecemento a mencionar foi a viaxe que os condes de Lemos realizaron ó seu regreso a Galicia polos seus estados, ó pouco tempo de chegar a Monforte cando foi desterrado da corte. Eu denomínoo "La vuelta a Galicia en 80 días por los VII condes de Lemos". Din conta del nunha conferencia impartida na UNED o 23 de marzo de 2007.
A comitiva partiu de Monforte o 10 de maio e regresou o 25 de xullo. Uns días antes comezaron os preparativos e o amoreamento do avituallamento, aínda que polos lugares que pasaban tamén adquirían provisións. Amigos e familiares acompañábanos; o seu séquito estaba formado polo persoal fixo ó seu servizo e polo eventual contratado para tal evento. Carruaxes, carros, carretas, cabalgaduras de carga e de cadeira ocuparon os camiños do percorrido. Os do lugar tiñan que quedar atónitos ó ver pasar unha procesión de personaxes e medios de transporte nunca vista anteriormente.
O itinerario realizouse en varias etapas: Monforte-Chantada-Santiago; Santiago- Noia-Santiago; Santiago-Poulo-Betanzos; Betanzos-Pontedeume; Pontedeume-Cedeira-San Andrés de Teixido-Pontedeume-Betanzos; Betanzos-Guitiriz-Lugo e Lugo-Sarria-Paradela-Monforte. Nunha das xornadas ocupáronse noventa e sete arrieiros e mozos, vintecatro mulas, duascentas sete cabalgaduras de carga e de cadeira e trinta carros, cada carro ía tirado por catro bois. Á entrada do lugar facíase sonar a trompeta para avisar da súa chegada. O mordomo anticipárase e esperábaos á porta da pousada. Á partida dábase un pregón requirindo ós veciños que pasaran pola pousada se tiñan algunha queixa que formular. Todo isto formaba parte dun espectáculo teatral cun ritual moi estudado. Estes acontecementos eran relatados polos cronistas da época e polos escritores.
Don Pedro tiña un gran dominio da linguaxe e sabíao empregar, non só nos seus escritos, senón tamén cando a ocasión o requiría. Nunha carta que lle escribe á súa nai o 17 de xullo de 1610, coméntalle: "... El mismo día que llegué junté el collegio, hize mi proposición y aviendo tenido sólo tres o quatro votos y los demas contrarios, tomé la mano en la calificación del medio en los buenos efetos que se devian esperar si se acertava en la ... de componer las jurisdiciones, y acordeme de que sabía persignarme quando predicaba en el Consejo de Indias, solté todo el trapo de mi oratoria y dexelos aturdidos, resolví que fuesemos al Arçobispado, hizose ansí y el juramento con gran solemnidad...".
A correspondencia entre o conde co seu irmán, Francisco Fernández de Castro - conde de Castro e vicerrei de Sicilia - é moi entrañable; os dous dan mostra do seu gusto literario. Nunha carta de 14 de febreiro de 1617, escrita en Palermo, dille Francisco a don Pedro, "...Perezco de amores por las éticas, y si algún día quiere Dios que los fratelos (hermanos) las leamos juntos, ganádome havré un gran capricho".
Finalmente, direi que o VII conde de Lemos, non só foi mecenas e amigo de escritores, senón que el mesmo se aventurou no mundo das letras. Moi poucas obras nos quedaron, serve de exemplo o "Buho gallego". Tamén, unha glosa sobre unha décima escrita polo príncipe Felipe. No arquivo das Madres Clarisas existen varios borradores escritos do seu puño e letra, que cremos se tratan desta glosa. Mostramos unha pequena parte:
Anos dado Vuestra Alteza las primeras flores de su ingenio, en una décima no poco misteriosa.
Logren tan amena ocasión los poetas. Vengan Musas mejores a filosofar sobre estas esperanças.
Y Vuestra Alteza no se arrepienta de ver en su persona lo que el error del vulgo califica su talento, indecente a Príncipes tan grandes.
Y que el hacer versos es dignidad en la naturaleza.
......
Para concluír, desexo agradecer ó señor Alcalde, ó Concello e a Xoán Xosé Molina a súa invitación a compartir, con todos vostedes, esta entrañable celebración. MOITAS GRAZAS.
